Saltar navegación

Bloque 1: Elementos harmónicos da tonalidade

No primeiro bloque de contidos deste proxecto de Licencia de Estudos imos tratar sobre os materiais básicos que configuran a tonalidade funcional, como os sons individuais e os acordes máis empregados deste sistema.

A nosa proposta de cifrado harmónico está fundamentada na utilización de tres cores básicas, a azul, a vermella e a verde que representan as funcións tonais de tónica, dominante e subdominante, respectivamente. Inda que semella que a escolla destas cores é arbitraria, atopamos certa concordancia con outros autores nalgunhas asociacións entre cor e música.

Ó empregar un cifrado de cores relacionado con acordes e sons, tratamos de reforzar a memorización da parte mais abstracta da música, as sensacións tonais, de xeito que estas se vinculen a elementos mais sensibles da nosa visión. Esta relación de sinestesia musical xa foi explorada por varios compositores, como o ruso Alexander Scriabin, que tiña a capacidade de ver ata doce cores distintas, unha por tonalidade; ou o francés Olivier Messiaen, que, referíndose a súa composición Vinte miradas sobre o meniño Xesús, falaba de azul-violeta na peza V ou de rosa e malva na XVII.

Ademais das cores, empregamos outros recursos visuais como pestanexos, flashes ou escurecementos de pantalla, efectos que tentan resumir a partitura para unha mellor comprensión auditiva.

Para o cifrado das melodías decantámonos polos números con circunflexos, sistema pouco utilizado ata hai pouco tempo en España, e que reduce os sons a relacións de xerarquía tonal.

Tamén quixemos empregar emoticonos para reflectir o aspecto psicolóxico do ouvinte.

Agardamos que vos axude a vela música desde outra perspectiva.